O evento musical organizarase na Igrexa de San Xosé ás 19:30 h. e contará coas actuacións dos Trovadores de Ares e a Rondalla Mugardesa.
A vila conmemorará un ano máis a memoria de Gildo, unha figura fundamental na historia musical da localidade, director de rondalla e acordeonista.
Alma Barrón, concelleira de Cultura; Concha Saavedra, madriña de honra no evento e viúva do homenaxeado; Juan Bardanca, presidente dos Trovadores de Ares, e Alejandro Pérez, xerente da empresa colaboradora Bodegas & Vinos, presentaron esta mañá no consistorio a VII Homenaxe Musical a Gildo Illobre, un evento que continúa a lembrar o legado e figura deste músico aresán falecido en 2015.
Segundo detallaron no acto de presentación, a Igrexa de San Xosé acollerá as actuacións tanto dos Trovadores de Ares, onde foi director e acordeonista o propio Gildo Illobre, como da Rondalla Mugardesa nun concerto emotivo que se producirá o domingo, 14 de xullo, ás 19:30 horas.
Volverá a conmemorarse así a Illobre como unha persoa que contribuíu activamente á vida musical da súa contorna, sumándose de forma constante a múltiples orquestras e grupos, amais de dirixir diferentes coros parroquiais, entre outras achegas a resaltar; un home que xa forma parte da memoria musical e sentimental de Ares.