Se estás procurando algunha actividade onde o lúdico e a tecnoloxía se unen, a Casa da Xuventude Municipal oferta unha programación co foco posto no eido dixital, a robótica, a impresión 3D e a sensibilización en cuestións básicas como a ciberseguridade ou o coidado da saúde mental, tendo en conta o impacto das redes sociais nela.

Por motivos organizativos, o Concello vén de establecer un calendario fixo para estes obradoiros tecnolóxicos, de tal xeito que se producirán dende o 8 até o 29 de xullo, en horario de mañá (2 h. / sesión) e aglutinando os grupos por idade.

Por unha banda, haberá un Curso de Competencias Básicas Dixitais para nenos/as de 9 a 12 anos, co foco posto na introdución á Intelixencia Artificial, pautas de benestar e protección da saúde mental. Pola outra, organizarase un segundo grupo de rapaces e rapazas adolescentes, de 13 a 17 anos, centrado en Competencias Avanzadas Dixitais, afondando desta volta na creación de contido virtual, a procura de emprego na rede ou a protección da súa privacidade.

Pódense realizar xa as inscricións a través desta ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSd9Ud6_XNN77mWLjcFaEVxjB8BO_fNvrLsmtPcU-p86PG6qUg/viewform