O Concello de Ares está presente nesta colección composta por catro millóns de azucarillos que incorporan fitos arquitectónicos de orixe indiana, materializada a través da colaboración con Café Dromedario.
Xunto a Ares tamén se atopa a localidade galega de Ribadeo; Boal e Ribadedeva, en Asturias; Comillas e Medio Cudeyo, en Cantabria; Balmaseda, de País Vasco, e Pradoluengo, de Castela e León.
A Rede de Municipios Indianos do Cantábrico, en colaboración coa empresa Café Dromedario, vén de presentar unha colección de azucarillos, Indianos do Norte, para divulgar o patrimonio de orixe indiana de todas as localidades que a integran. Trátanse de catro millóns de azucarillos que chegan grazas aos lazos estreitados con Café Dromedario e que se distribuirán para dignificar un pasado con fondas raíces na migración alén do mar, incluído tamén o do municipio de Ares.
A localidade aresá contribúe á colección incorporando tres grandes fitos arquitectónicos de diferentes partes do concello, dende A Tenencia de Redes-Caamouco ao CIRS Cervás e a Alianza Aresana. Súmase deste xeito ás outras sete localidades que se atopan dentro da Rede de Municipios Indianos do Cantábrico: Ribadeo, no litoral galego; Boal e Ribadedeva (Principado de Asturias); Comillas e Medio Cudeyo (Cantabria); Balmaseda (País Vasco) e Pradoluengo (Castela e León)
A través desta mostra representativa, deséxase dar a coñecer a asociación, amais de dignificar e poñer en valor o patrimonio indiano que se atesora, máis tendo en conta que no norte de España se estima a existencia dunhas dez mil construcións de orixe indiana, desde belas residencias a escolas, mercados, hospitais, fontes e lavadoiros e outras tantas instalación e obras que financiaron os indianos para beneficio da súa terra natal.
En todos os azucarillos da colección inclúese un código QR e a dirección do sitio web www.indianosdelnorte.org, un convite expreso a afondar no singular legado indiano da Rede e as actividades que promove. Esta tipoloxía de colaboración con Café Dromedario, que ten sede no municipio de Medio Cudeyo, terá continuidade en próximas actuacións destinadas ao mesmo obxectivo: divulgar a pegada indiana.