Arte, flores e traballo colectivo salientan un ano máis o compromiso de Ares co seu Corpus

Comparte esta nota de prensa

Esta fin de semana, toda a localidade volveu volcarse coas Alfombras Florais, enchendo as rúas do núcleo urbano aresán de cor e tapices de flores. O Corpus Christi de Ares, organizado pola Asociación de Alfombras Florais e declarado de Interese Turístico de Galicia, reuniu á veciñanza na noite do sábado para confeccionar colectivamente estas mostras de arte efémero nas que se puideron ver elementos relixiosos, faros e cabos do litoral galego, animais mariños e mesmo figuras populares de Dragon Ball.

32 toneladas de verde, serrín de cores, cunchas, claveis, pampillo… son algúns dos materiais que a veciñanza empregou para compoñer os tapices feitos grazas a un sinfín de mans voluntarias. E desta volta houbo improntas esperanzadoras, coas crianzas involucradas ao carón de pais, nais, avós, avoas e outros veciños e veciñas na configuración das alfombras, unha imaxe que augura a continuidade da festa popular.

Cultura, flores e moito esforzo para amosar o gran compromiso de Ares coa súa tradición!

 

Autoría das imaxes: Asociación Alfombras Florais de Ares, Concello de Ares e Ferrol360.

Pódeche interesar