O Corpus Christi de Ares, un exemplo de compromiso colectivo

Comparte esta nota de prensa

Esta fin de semana, a vila de Ares celebrará un ano máis as súas Alfombras Florais, unha festa declarada de Interese Turístico de Galicia que achegará mantos de flores a modo de arte efémero polas rúas do núcleo urbano da localidade.

Con todo, o esforzo para materializar esta celebración arranca canto menos un mes atrás, partindo dun traballo colectivo e silencioso: o de preparar os materiais que se precisan para a confección das alfombras durante a noite deste sábado, 1 de xuño.

Picar e organizar o verde, distribuír as caixas e mesmo levar a cabo o pintado das rúas son algunhas das tarefas das que se responsabilizan veciñas e veciños aresáns, nun exemplo de compromiso co mantemento desta tradición que aúna arte, cultura e flores. Gardan entre as mans moito traballo, organización, ilusión e tamén cansazo, aliviado polas conversas e a compañía mutua.

E entre os rostros da veciñanza que se reparten polos centros de preparación de materias tamén agroman caras de pequenos e pequenas que se involucran na iniciativa e lembran un reto: conseguir que as Alfombras Florais de Ares perduren no tempo a través do relevo xeracional, continuando así cunha práctica que ten as súas raíces a finais do século XX.

FOTOGRAFÍAS: Alicia Seoane, de Ferrol360.

Pódeche interesar