Actividades polo Día das Letras Galegas 2024
As actividades polo Día das Letras Galegas comezan en Ares o xoves, 16 de maio, co espectáculo ‘Indóciles’, unha mestura de poesía, música e narración oral a cargo de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut, para homenaxear o legado e a voz poética de Luísa Villalta, unha das figuras con máis forza da literatura galega.
Continuará a programación cultural o sábado, 18 de maio, ás 12:00 horas, coa presentación da primeira novela en galego de Pablo J. Rañales, Os afogados, gañadora do Premio Illa Nova de Narrativa 2023 da editorial Galaxia. Será en formato vermú na rúa Solín, no paseo marítimo da localidade ou, se a climatoloxía non acompaña, no interior do Estuary Bar. Conversará coa concelleira de Cultura, Alma Barrón, sobre as temáticas dunha novela que reflexiona sobre a relación coa natureza, os discursos de odio e a función da ciencia no mundo contemporáneo.