Esta semana, a Concellaría de Deportes programou unha nova actividade que axuda a ver o deporte dende unha visión máis inclusiva, incorporando unha saída á ría guiados por Álvaro Illobre en embarcación adaptada para persoas con mobilidade reducida.
A iniciativa, organizada dentro do programa europeo Sporural, contou coa colaboración de ADM Ferrol e o Club Náutico Ría de Ares.
Amosar as opcións que existen hoxe en día para que todos e todas, dende as súas particularidades e limitacións, poidan facer deporte: esa é a máxima detrás da actividade que organizou o Concello o luns desta semana cos rapaces e rapazas de 4º da ESO do CPI As Mirandas.
Da man do aresán Álvaro Illobre, e coa colaboración do Club Náutico Ría de Ares e ADM Ferrol, achegáronse ao porto e entraron en contacto cunha embarcación de vela adaptada, coñecendo de primeira man como é realizar esta práctica deportiva dende a inclusión e programando unha saída ó mar. Toda a actividade, adiada no seu momento por mor da climatoloxía, ponse en relación cunha primeira sesión realizada en marzo e que tamén lles permitiu afondar na experiencia de moverse en cadeira de rodas.
Deste xeito, as dúas iniciativas deron ó estudantado unha visión máis aberta do deporte inclusivo, empatizando coas persoas que presentan limitacións na súa mobilidade, pero que poden gozar da práctica deportiva e da natureza de igual xeito.
A xornada de achegamento á vela adaptada produciuse no marco de Sporural Erasmus +, un proxecto europeo no que participa o Concello de Ares ao longo de 2024. Segundo a información aportada pola área de Deportes, tamén se contemplan máis programacións que camiñan na conexión coa natureza e a práctica deportiva, mais sempre incorporando unha perspectiva de inclusividade.