O Concello amplía a rede de compostaxe doméstica a máis de 90 composteiros dentro da contorna municipal

Comparte esta nota de prensa

A Concellaría de Medioambiente vén de asinar un segundo convenio de colaboración con SOGAMA, de cara a recibir 25 composteiros máis que reforzan a infraestrutura de reciclaxe de Ares.

Lucía Blanco, edil da área responsable, arrancou esta mesma semana coa entrega desta segunda quenda.

O Concello de Ares e  a empresa pública SOGAMA veñen de asinar un novo convenio de colaboración nos últimos días, reforzando así o seu compromiso para ampliar a rede de compostaxe doméstica que se está a instalar progresivamente na localidade.

O convenio tradúcese, coma xa aconteceu en marzo deste ano, na entrega ao Concello de 25 novos composteiros, distribuídos entre a veciñanza a través da área de Medioambiente municipal dirixida por Lucía Blanco. O reparto arrancou esta mesma semana, ao ter xa unha listaxe de agarda do anterior reparto, “síntoma da boa acollida que está a dar a veciñanza a esta iniciativa”, salientou Blanco.

Toda vez que remate o reparto, Ares contará cunha rede baseada en 95 composteiros instalados en vivendas unifamiliares, fundamentais para establecer un proceso de autoxestión e corresponsabilidade no que atinxe aos residuos. De feito, a edil de Medioambiente fixo fincapé en que “coa infraestrutura de compost doméstica, percibiremos de forma clara unha redución da materia orgánica na xestión municipal do lixo”.

A maiores disto, a área de Medioambiente tamén resalta a “evolución no tratamento de residuos  especiais, grazas ó punto móbil e os tres novos puntos fixos que instalamos recentemente no núcleo urbano de Ares”, uns elementos que axudan a xestionar con maior eficacia dende lámpadas, baterías ou pilas até roupa, calzado ou aceites.

Pódeche interesar