A Festa de Interese Turístico de Galicia iniciará os traballos de preparación este mesmo venres e contará con 5 tramos de tapices.
Dende a Asociación que promove as Alfombras Florais convidan á veciñanza a participar das tarefas de picado, fundamentais para organizar este evento que xa é parte da idiosincrasia de Ares.
O Corpus aresán vén de ser presentado esta mesma semana desvelando tanto o seu cartel oficial como o inicio dos traballos de preparación e picado. O 2 de xuño Ares volverá a contar coas súas tradicionais Alfombras Florais, unha mostra de arte efémera que encherá a vila a partir de 5 tramos de tapices, percorrendo a rúa María, a rúa Real e a Praza da Igrexa–Sánchez Barcaiz.
Con todo, dende a Asociación das Alfombras Florais, que aglutina a coordinación desta iniciativa cultural, xa salientan que a preparación do Corpus arranca este mesmo venres, 3 de maio, comezando co proceso de picado e organización de materiais en 5 puntos establecidos polo núcleo urbano de Ares:
- Na antiga Casa Reitoral
- Na antiga Carnicería Cupeiro, sita na rúa Real, núm. 9
- Na Casa da Parroquia
- No antigo Bar O Indiano, sito na Rúa dos Anxos
- E na Rúa San Simón, núm. 38
A Asociación de Alfombras Florais convida á veciñanza a sumarse a estas tarefas de preparación, nas que resulta fundamental ter o maior número de mans posible para axudar a celebrar esta festa con máis de 40 anos de tradición na vila, exemplo do compromiso colectivo dos e das aresáns con ela.
Sexa como for, a edición do Corpus resaltará un ano máis o aprecio de veciños e veciñas a esta Festa de Interese Turístico de Galicia que supón, sobre todo, unha mostra de unión e solidariedade ao interconectar a moitos axentes da vila, dende o Concello ao tecido civil e asociativo aresán.