Despois de dúas semanas de actividade, unha centrada en ofertar formacións á veciñanza e a segunda ás pequenas empresas aresáns, o programa Rural TIC Ares pon o seu punto e final. Onte á tarde realizouse a última das xornadas dos cursos para o tecido empresarial, clausurando oficialmente todos os módulos que se impartiron nos últimos dez días na Aula CeMIT da Casa da Xuventude municipal.
Para formalizar o peche, desprazouse até alí a concelleira de Comercio, Lucía Blanco, unha das dúas áreas do Concello comprometidas na posta en marcha da iniciativa xunto coa Concellaría de TICs. Blanco agradeceu ó equipo docente de INECO a súa involucración nos obradoiros e a súa disposición á adaptarse ás necesidades de Ares.
O programa de Rural TIC, que se produce en colaboración co Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, achegou un conxunto de cursos gratuítos ó municipio, todos enfocados na divulgación tecnolóxica e na reducción da brecha dixital.
Así, veciños e veciñas puideron resolver as súas dúbidas en cuestións coma a banca electrónica, o uso da carpeta cidadán ou mesmo como programar unha viaxe de ocio e tempo libre, namentres que o tecido empresarial afondou no seu posicionamento na Internet e a construción da súa páxina web para mellorar a interacción virtual cos seus clientes. O obxectivo final: que os dous públicos gañasen autonomía na súa actividade cotiá.
A maiores destes cursos, o equipo docente responsable de Rural TIC tamén traballou coa mocidade aresá, analizando conxuntamente os riscos dun mal emprego das redes sociais e a importancia de coidar a pegada dixital que deixan.