Entre o venres pasado e este luns, 22 de abril, o alumnado de 1º e 2º da ESO do centro educativo CPI As Mirandas recibiu varias charlas impartidas polo equipo docente de Rural TIC Ares, o programa de divulgación de tecnoloxía que se está a desenvolver até o 26 deste mesmo mes na vila.
En sesións diferenciadas, as docentes traballaron nas aulas coa rapazada para reflexionar conxuntamente sobre os riscos da Internet, mais tamén dun bo manexo das redes sociais e a importancia de ter en conta a pegada que se deixa na contorna virtual, é dicir, toda a información e contidos sobre un mesmo que fican accesibles nos buscadores.
Con vídeos e unha metodoloxía interactiva, o programa Rural TIC achegou coñecementos específicos para promover unha presenza virtual de maior calidade e, sobre todo, moito máis segura.