‘Rodas escolares’ é o nome que recibe a última proposta da Concellaría de Deportes que involucra á rapazada do CPI As Mirandas tanto de primaria coma secundaria: un conxunto de actividades para coñecer unha bicicleta, manexala nunha contorna natural e coñecer que se precisa para tela a punto.
Onte arrancou esta iniciativa cunha pequena charla práctica no pavillón polideportivo de Ares, en colaboración co Café-Obradoiro de reparación de bicicletas Kom. Ata alí foron os e as estudantes do centro educativo As Mirandas e aprenderon como engrasar unha cadea ou regular o freo, cal é o inflado adecuado, como sinalizar manobras ou axustar o sillín e manillar á súa altura.
Todo o coñecemento que adquiran poderán poñelo en práctica a próxima semana, pois a proposta do Concello abrangue tamén unha saída dende o CPI pola contorna aresán coas propias bicicletas, todas en correcto estado de mantemento para o seu emprego.
Rodas escolares é unha iniciativa enmarcada dentro de Sporural, o proxecto do Erasmus + Deportivo no que se inscribe Ares, xunto con outras localidades de Hungría ou Grecia.