Veciñanza, membros da corporación municipal e representantes das agrupacións musicais da vila de Ares puxeron onte o punto e final á programación cultural do Concello relacionada cos 120 anos da Alianza Aresana de Instrucción. No salón de actos dun edificio que se sufragou con gran parte das achegas dos integrantes desta agrupación, materializouse un evento para lembrar o nacemento, en 1904, dunha das entidades que mellor sintetizan o pasado migratorio aresán.
A música foi o fío condutor da xornada: os representantes das agrupacións musicais tomaron a palabra e deuse lectura á acta fundacional da Alianza Aresana de Instrucción, mais tamén ás bases da escola que abriría en 1906 para democratizar a educación na nosa localidade, sendo pioneira nunha revolución educativa que viviría Galicia ao longo do século XX. Coma salientan dende a Concellaría de Cultura dirixida por Alma Barrón, a música actuou historicamente coma un elemento de cohesión e unión da emigración galega; na mesma Habana onde nacía a Alianza Aresana de Instrucción podíanse escoitar as melodías dunha gaita ou pandeireta, como tamén se podían acceder aos ritmos latinoamericanos logo en territorio galego.
A programación concluíu coa actuación do grupo de teatro local A Cova do Trasno, interpretando o Romance de Canelo, indiano procedente de Ares, e pechando así unha iniciativa que, ano tras ano, permite coñecer máis fondamente as raíces do municipio.