A obra posibilitará a modernización da rede de saneamento, pluviais e abastecemento, ademais da execución de traballos civís en iluminación, electricidade, telecomunicacións e a renovación de
A intervención traducirase nun investimento de 155.139,93 euros, con cargo ao POS+2022 da Deputación da Coruña.
A Concellaría de Urbanismo vén de informar da adxudicación das obras na rúa Fomento, unha actuación que mellorará os servizos e os pavimentos e que se configura, ademais, como unha das importantes intervencións urbanísticas que se realizarán en Ares dentro do Plan Único da Deputación da Coruña, cunha achega de 155.139,93 euros para materializar o proxecto municipal.
Segundo o proxecto técnico, as obras renovarán a rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga, levándose a cabo tamén obras civís no alumeado, na electricidade e nas telecomunicacións.
Ademais, cubrirase a rúa cunha capa de rodadura de formigón, eliminando así as irregularidades do firme existente, instalarase un pavimento de loseta hidráulica similar á actual e realizarase a sinalización horizontal en todo o ámbito de actuación.
Sobre os fondos que se executan a través do POS da Deputación, Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, contextualizou a planificación municipal: “Todas as actuacións que incluímos no Plan Único enfócanse principalmente á mellora e renovación da infraestrutura de abastecemento e saneamento e, tamén, á execución de novas pavimentacións. Acontece así na rúa San Xosé, na rúa Fomento e na rúa dos Anxos, todas no POS 2022 e POS adicional deste ano”. Entre as tres actuacións, supéranse os 425.000 euros de investimento total sumando fondos provinciais e municipais.