María Rivas felicita ao persoal da Biblioteca Municipal de Ares polo seu traballo na promoción da lectura, tras ser recoñecida por sexta vez co Premio María Moliner

Comparte esta nota de prensa

A subdelegada puxo en valor o labor de Caridade Nieto, Beatriz Martínez e María Serrano, que desenvolveron un programa de actividades atractivo para promover novos hábitos de lectura na veciñanza de todas as idades do municipio

María Rivas destacou que a iniciativa da Biblioteca Municipal de Ares forma parte dos 370 proxectos premiados en España e é un dos cinco na provincia da Coruña, entre os que se atopan as bibliotecas de Miño, Ortigueira, Carballo e Oleiros

A Biblioteca Municipal de Ares xa fora recoñecida co premio “María Moliner de Animación á Lectura” en anos anteriores

A subdelegada do Goberno, María Rivas, na súa visita a Ares desprazouse ata a Alianza Aresana para felicitar ás traballadoras da Biblioteca Municipal polo seu intenso traballo na promoción da lectura nos veciños e veciñas que residen no municipio, tras ser recoñecida co Premio María Moliner de Animación á Lectura.

A subdelegada puxo en valor o labor do persoal do equipo bibliotecario, composto por Caridade Nieto, Beatriz Martínez e María Serrano, que desenvolveron unha programación de actividades atractiva para a veciñanza, promovendo novos hábitos de lectura nos nenos e nenas e nas persoas maiores do municipio. “Se hai un concello que ten ben merecido este premio é Ares, por toda a actividade cultural que desenvolve ao longo do ano: unha actividade na que esta biblioteca ten un papel importantísimo” expresou Rivas

María Rivas destacou que a iniciativa da Biblioteca Municipal de Ares forma parte dos 370 proxectos premiados en toda España e é un dos cinco premiados na provincia da Coruña, entre os que se atopan a Biblioteca Municipal Concepción Arenal de Miño, a Biblioteca Municipal de Ortigueira, a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo e a Biblioteca Central Rialeda de Oleiros. Ademais, este ano a biblioteca de Ares obtivo a mellor puntuación da provincia e posicionouse no terceiro lugar a nivel galego.

O proxecto presentado pola biblioteca e galardoado co premio María Moliner titúlase “Ares, un mar de actividades”, e pon en valor a historia da localidade de Ares recorrendo a súa rica tradición mariñeira e pesqueira cun xogo de palabras, o cal fai referencia ao gran tamaño do mar para describir a inmensidade de actividades que ofrecen para todos os públicos. Desta forma, o proxecto leva a cabo iniciativas como contacontos, clubs de lectura, encontros con autores, celebración de datas literarias e culturais, así como manualidades e talleres, entre outras moitas.

A Biblioteca Municipal de Ares foi recoñecida  por sexta vez co premio “María Moliner de Animación á Lectura” na súa XXIII edición. Anteriormente, obtivo o galardón 5 veces, nos anos 2016, 2017, 2020, 2021 e 2022 con proxectos que presentaban distintas temáticas, como pode ser o poder curativo da lectura ata render homenaxe á historia do edificio da Alianza Artesá, que é onde se atopa a biblioteca de Ares, e vén de cumprir o seu 119 aniversario.

María Rivas tamén quixo poñer en valor o esforzo constante do Goberno pola Cultura, que vén demostrado por este premio que permite que “calquera persoa, viva no lugar que viva, poida ter acceso aos libros. E neste sentido as bibliotecas públicas son esenciais”

O premio “María Moliner de Animación á Lectura” é un recoñecemento ao labor desenvolvido por bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes polo seu papel na promoción da lectura e a animación cultural dirixidos a toda a veciñanza, especialmente a colectivos con dificultades para o acceso á lectura, en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma.

Ademais do premio, a subdelegada avanzou que este recoñecemento do Goberno vai acompañado dunha achega económica de 2.777 euros destinada á compra de libros para ampliar o catálogo do centro.

Pódeche interesar