O elenco da serie, encabezado por Tamar Novas, e Chechu Salgado, chegou onte a Ares para iniciar a gravación e permanerán aquí durante todo o día de hoxe.
A concelleira de Cultura, Alma Barrón, visitou onte ao equipo artístico e técnico para darlles a benvida ao municipio e coordinar a colaboración municipal no proceso de rodaxe. Non set que visitou Alma Barrón, atopábanse os protagonistas da serie, xunto co equipo de produción, que se mostraron contentos por esta nova parada en Galicia que os achega á nosa localidade.
A trama desta produción audiovisual, creada por Jorge Guerricaechevarría e producida por Vaca Films, xira en torno ao mundo do narcotráfico. A historia segue os pasos de Ana (interpretada por Clara Lago), unha avogada que se muda a Cambados, onde a súa presenza non pasa desapercibida para Daniel (encarnado por Tamar Novas), o líder visible do clan dos Padín.
A rodaxe de “Clanes” xa percorreu varias localizacións, incluíndo Cambados, Málaga, Xibraltar, Alxeciras, Madrid, Oporto e Senegal. Agora, este proxecto chega a Ares, consolidando á nosa localidade como un dos destinos destacados para a filmación de producións audiovisuais. Coa inclusión de “Clanes”, agrégase outro título á lista de producións que elixiron ao noso municipio como escenario, incluíndo obras como “Pai Casares”, “Julieta”, “Concepción Arenal: a visitadora de cárceres” e, máis recentemente, “Saudade de ti”.
Tras a xornada de onte, a rodaxe continuará ao longo do día de hoxe, con horario establecido de 8.00 a 18.00 horas. Espérase que haxa cortes intermitentes de tráfico na área de gravación, que inclúe a praza da Iglesia, a entrada á avenida General Gabeiras e o tramo do paseo marítimo fronte ao bar O Gaiteiro, tal e como xa se informou.