Na recepción estiveron presentes como representantes municipais, o alcalde Julio Iglesias, a concelleira de Cultura Alma Barrón e, por parte da Agrupación Instructiva de Caamouco, a integrante da directiva Cristina Cadena.
Esta visita enmárcase dentro do proxecto “Visitas por Galicia ás antigas sociedades galegas de instrución e recreo”, impulsado pola liga Santaballesa, que busca establecer contacto cos responsables das sociedades xurdidas na Habana e promover a relación entre as comunidades de ambas as beiras do Atlántico, incluíndo o uso de antigas escolas ou outros bens orixinarios de Cuba, intercambio de información, experiencias e perspectivas mutuas.
Durante o encontro, que contou coa participación da Agrupación Instructiva de Caamouco, como unha das principais sociedades de emigración, os asistentes realizaron unha visita á Alianza Aresana, decana das escolas de instrución galegas, para coñecer un dos edificios de carácter indiano máis representativo do municipio.
Juana Caridad quixo agradecer o recibimento e declarou que “é un enorme pracer visitar hoxe esta localidade de Ares, lugar co que nos une tanta historia. Galicia e Cuba sempre estarán unidas e Ares moi presente na pegada das sociedades habaneiras”.
Ademais, no acto celebrado hoxe, o Presidente da Asociación Cultural Amigos da liga Santaballesa, Xosé Isidro Cillero, aproveitou a ocasión para convidar aos presentes ás XVI Xornadas do Peregrino “Abrindo Camiño” – Camiños de Santiago e Emigración – en homenaxe a Andrea López Chao, que se levarán a cabo en Mondoñedo e Santaballa (Vilalba) nos próximos días.