Dende as 17:00 horas, a Praza da Constitución da vila converterase nun espazo de xogo, obradoiros, chocolate e orellas baixo a programación que desenvolve a Concellaría de Cultura. Tamén haberá tempo para a tradicional queima do Entroido a partir das 19:30 h.
Se a climatoloxía non acompaña, as actividades trasladaranse á pista exterior do CPI As Mirandas.
A concelleira de Cultura, Alma Barrón, vén de desvelar o programa que organizará o Concello para celebrar o Entroido de 2023, un conxunto de actividades co foco posto nas familias e os máis pequenos para desfrutar da mellor maneira da festa popular galega. E farase, ademais, coa colaboración da Sociedade Cultural O Tilo, o Grupo de Gaitas Aresán e a Agrupación de Protección Civil de Ares.
Será a partir das 17:00 horas do mércores, 22 de febreiro, cando a Praza da Constitución acolla, por exemplo, unha área de xogos xigantes ou un parque de inchables. Colocarase tamén un photocall para lembrar a xornada, haberá boa música de ambiente e mesmo a oportunidade de participar nun obradoiro de tatuaxes.
E todo isto estará acompañado dun momento doce co reparto de chocolate e orellas, ambos cun prezo individual de 1 euro, e outro lúdico, co sorteo de agasallos entre as persoas que se animen a ir disfrazadas.
A celebración porá o seu peche na praia urbana de Ares, onde se realizará a tradicional queima do Entroido, aproximadamente a partir das 19:30 horas.
Dende a Concellaría de Cultura apuntan que, en caso de choiva, a programación se trasladará da Praza da Constitución á pista cuberta exterior do CPI As Mirandas.