A iniciativa formativa organizada pola Concellaría de Igualdade e Benestar arrancou esta mesma mañá na Casa da Xuventude co obxectivo de axudar ás persoas maiores de 55 anos a entender as posibilidades dun smartphone.
A partir de agora, todos os mércores realizaranse sesións para aprender a utilizar aplicacións de mensaxes, xestionar fotografías e vídeos, empregar o correo electrónico e o calendario… e outras accións fundamentais dentro do terminal.
A Aula Cemit da Casa da Xuventude de Ares acolleu hoxe o inicio do curso gratuíto de primeiros pasos co teléfono móbil intelixente promovido polo Concello. A iniciativa volve todos os mércores dende xaneiro ata maio para achegar unha formación personalizada e centrada nas dificultades que poden ter as persoas maiores no manexo dun smartphone.
Divididos en dúas quendas, en grupos de 10 persoas e baixo un horario de 10:15 a 11:45 e de 12:00 a 13:30 horas, os participantes da formación traballarán baixo metodoloxías educativas máis personalizadas (polo seu número na aula) e atendendo ás principais nocións básicas do teléfono: aprenderán a navegar pola aplicación do SERGAS, axustes básicos do WhatsApp, escaneo de documentación, manexo do calendario e e-mail… todas elas cuestións básicas enfocadas á súa vida diaria, máis pragmáticas.
Nesta primeira sesión, por exemplo, as participantes observaron os distintos elementos físicos que compoñen o terminal móbil: os botóns de encendido e apagado, subida e baixada de volume, ranuras para a introdución de auriculares ou a ubicación dos altavoces, entre outros.
En esencia, o principal obxectivo da iniciativa é o de loitar contra a fenda dixital: a distribución desigual do acceso, mais tamén do uso das novas tecnoloxías en certos colectivos, coma ben pode ser o das persoas maiores.