O Concello dispón de 6 prazas para participar nunha actividade, promovida dende a Deputación, que achega o deporte de esquí á mocidade na estación de montaña de Valgrande-Pajares (Asturias).
A rapazada de entre 11 a 15 anos poderá realizar as súas solicitudes ata o día 16 de decembro, tanto nas dependencias da OMIX coma por vía telemática.
O Concello de Ares vén de informar, a través da súa área de Deportes, da apertura do prazo de preinscrición para a “Campaña da Neve 2023”, organizada pola Deputación da Coruña e desenvolta dende o 13 ao 16 de xaneiro na súa primeira quenda. A iniciativa está dirixida aos rapaces e rapazas de 11 a 15 anos inclusive (cumpridos a 31 de decembro de 2022), empadroados/as en Ares, que desexen aprender e desfrutar do esquí na estación de montaña de Valgrande-Pajares, en Asturias.
A campaña está composta de catro xornadas con cursos de esquí e varias actividades complementarias, con estadía nun albergue a pé de pista na propia estación asturiana. Segundo informan dende a área de Deportes, o custe da actividade é de 85 euros, incluíndo o réxime de aloxamento e manutención, o transporte de ida e volta ata o lugar de actividade, con saída e chegada ao punto elixido pola organización na comarca de Ferrolterra, amais das clases, monitores, seguro, alugamento de material e todo gasto derivado das actividades e cursos programados.
A mocidade interesada poderá achegarse dende hoxe, 5 decembro, ata o 16 de decembro ás dependencias da OMIX, na Alianza Aresana, para formalizar a súa preinscrición cumprimentando un impreso cos seus datos. Será en horario de 9.00 a 13.30 horas polas mañás e de 16.30 a 19.30 polo serán.
A maiores, tamén existe a posibilidade de facer o trámite de maneira telemática, cubrindo o impreso existente na web municipal e remitíndoo ao correo deportes@concellodeares.com.
Unha vez rematado o prazo de preinscrición, e no caso de que o número de solicitudes supere ao de prazas dispostas (6), celebrarase un sorteo público ás 11.00 horas do 20 de decembro, na Alianza Aresana, para seleccionar ás persoas que finalmente participarán no programa. Nese senso, terán preferencia os rapaces e rapazas que non foran a ningunha campaña previa da Deputación.