O consistorio mugardés acolleu esta mesma mañá o acto oficial de presentación na que os representantes municipais desvelaron a data de organización do xa tradicional evento deportivo: será o domingo, 18 de decembro ás 11:00 horas.
As inscricións poden realizarse ata o 13 de decembro telematicamente a través da páxina web www.carreirasgalegas.com, no apartado adicado á proba, cun custe de 4 euros por corredor/a.
A concelleira de Deportes de Ares, Noelia Montero; o alcalde de Mugardos, Juan Domingo de Deus; a edil mugardesa Ana Varela e a directora do Complexo Acuático do Castro, Marián Torrente, presentaron hoxe unha nova edición da Carreira Popular de Fin de Ano compartida por ambos concellos, unha proba con fonda tradición na comarca de Bezoucos e que se celebrará o domingo, 18 de decembro, para despedir o 2022.
Coma vén sendo habitual na súa organización, o evento desexa incentivar a participación dos corredores e corredoras por enriba da competición, facendo fincapé nese carácter popular que o identifica. Os representantes municipais aproveitaron a presentación para invitar a todas as persoas maiores de 16 anos a inscribirse dende xa na pasarela habilitada en www.carreirasgalegas.com cunhas 500 prazas. Poderanse reservar ata o 13 de decembro ás 23:59 horas previo pago de 4 euros por participante.
Nesta anualidade, o percorrido volverá a ser de 10 quilómetros, saíndo ás 11:00 horas dende o pavillón polideportivo municipal de Mugardos para logo dirixirse a Ares e regresar á mesma meta na contorna mugardesa. Antes da completa finalización da proba, a Organización sorteará 10 cestas con produtos de Nadal, en colaboración co supermercado GADIS, mais non terá en conta as marcas persoais ou tempos no mesmo sorteo, senón a finalización do percorrido.
Previamente á celebración do evento, será necesario retirar os dorsais, que supoñen a confirmación da asistencia do corredor/a, durante as xornadas do xoves, 15, e o venres, 16 de decembro, de 8:00 a 13:30 e de 16:00 a 22:00 horas, xunto co sábado, 17 de decembro, de 9:00 a 13:00 h., no Complexo Acuático do Castro. Asimesmo, no propio día da proba haberá a posibilidade de retirada de dorsais no pavillón polideportivo de Mugardos na franxa de 9:00 a 10:30 horas.