A obra mellorará o estado xeral da área de estacionamento, incorporando losa céspede en cada unha das prazas, amais de novas luminarias de tipo LED e unha unidade de carga de vehículos eléctricos.
Parten dun orzamento de 59.012,29 euros e un prazo de execución aproximado de 2 meses dende o seu inicio.
Ares contará nos próximos meses con cambios nun dos principais espazos públicos para o estacionamento de vehículos. A Concellaría de Urbanismo vén de anunciar esta semana a licitación do proxecto de acondicionamento do aparcadoiro anexo a Cortiñas Gil e á rúa Reitoral, dentro do núcleo urbano da localidade. Trátase dunnha actuación urbanística que mellorará a actual infraestrutura da área de estacionamento e suporá un investimento de 59.012,29 euros, repartidos entre os fondos municipais e Turismo de Galicia, organismo da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta.
A obra de adecuación terá un prazo estimado de execución próximo aos dous meses dende o seu inicio, mais tamén dous principais focos de traballo, pois afectará tanto ó propio aparcadoiro como á rúa que lle serve de acceso.
No relativo á área de estacionamento, retirarase o pavimento de zahorra compactada —con facilidade para desgastarse coas manobras de vehículos e inclemencias metereolóxicas— de cada unha das prazas para incorporar unha base de losa céspede. Colocaranse tamén varias luminarias de tipoloxía LED en diferentes puntos da área e, á entrada, instalarase unha unidade de carga de vehículos eléctricos. Tras o remate dos traballos, contaranse con preto de 50 prazas para o estacionamento dos vehículos.
Ademais, no punto de acceso ó aparcadoiro público reporase todo o actual aglomerado asfáltico deteriorado por un novo que redunde nunha mellora da seguridade viaria. Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, tamén informou do cambio que se executará na disposición das prazas no acceso pola rúa Reitoral: “cambiaremos as prazas que actualmente están en batería a un estacionamento en liña, de cara a facilitar o tránsito de vehículos tanto para entrar como para saír do aparcadoiro”.