VESPA VELUTINA – CAMPAÑA DE TRAMPEO PRIMAVERAL DE RAIÑAS

Comparte este evento

A velutina ou tártago asiático (Vespa velutina nigritorax) é unha especie invasora perigosa para o hábitat galego, mesmo representa tamén un risgo salientable para as persoas.

As velutinas principian a saída do seu letargo invernal dende marzo, e se non TRAMPEAMOS axiña teremos centos de niños en cada concello, que xerarán problemas e mortes de colmeas, ao tempo que risco de morte para persoas alérxicas, coas defensas baixas ou mesmo con hipersensibilidade anafiláctica.

As velutinas carecen de enimigos naturais e crían centos de nais por cada niño tartagueiro, a diferencia das vésporas locais, que apenas chegan á ducia.

O risco que xera a Vespa velutina negritorax é moi superior ao das autóctonas. Non fai falla achegarse ó niño para enrabechalas, pois reaccionan ao balbordo ou ás vibracións e son máis agresivas na contorna dos seus niños, atacan máis a un tempo, cunha meirande teima e, polo seu grande porte, inxectan máis veleno

A captura de raíñas de velutina faise dende marzo ata remates de maio, coincidente coa fase de construcción e actividade do niño primario. Tamén se fai dende setembro ata decembro coincidindo co nacemento de novas raíñas para a hibernación.

A mensaxe deste ano é sinxelo é claro e vai dirixido á xente do rural: SE NON QUERES UN NIÑO DE VELUTINA PRETO DA TÚA CASA, COLOCA UN PAR DE TRAMPAS PARA CAZAR RAIÑAS VELUTINAS NA HORTA OU XARDÍN.

As raíñas fundadoras se reactivan e saen da sua invernada consonte a climatoloxía anual

Un trampeo eficaz e eficiente non se limita a colocar unhas poucas trampas, é necesario organizarse e implicar a toda a xente do rural, porque xa coñecemos as consecuencias da velutina na froita da horta e, de seguro, tedes noticia de algún susto ou ataque ás persoas da vosa contorna. PORÉN, PARA EVITAR O GRANDE RISCO DUN NIÑO ACHEGADO ÁS VIVENDAS FAISE IMPRESCINDIBLE COLOCAR DUAS TRAMPAS EN CADA HORTA OU XARDÍN

O comportamento da velutina lonxe do seu niño é semellante ó resto dos himenópteros, mais non se comporta igual na contorna do seu niño, onde o seu instinto de protección faina feroz e perigosa. Calquer balbordo ou vibración (coche, maquinaria agrícola…) pode, sen máis, orixinar un ataque masivo.

Para evitar ese risco innecesario non debe haber ningún niño a menos de 100 metros das vivendas, e iso soamente se acada instalando un par de trampas próximas ás casas entre os meses de marzo a xuño. Só deste xeito aseguramos a eliminación de todas as raiñas de paso e os niños primarios existentes nun radio mínimo de150 metros.

Pola súa seguridade, esta é a mensaxe que debemos facer chegar ós nosos veciños máis achegados e facelos partícipes do trampeamento primaveral.

Como realizar un trampeo eficaz e eficiente

Todas as raíñas velutinas non saen ó mesmo tempo do seu letargo invernal, pero xa sabemos que na nosa bisbarra as primeiras xa saíron en marzo, polo que debemos empezar o trampeamento lembrando que “raíña capturada é un niño evitado”.

A.- Situación das trampas.- As trampas sempre deben situarse nos lugares solleiros, porque o arrecendo do líquido atraente difúndese mellor canto máis quente estea.
Hainas que colocar no arredor dos niños de velutina do último ano que non fosen eliminados antes de setembro. Un gran número de raíñas invernaron preto e buscarán mantenza na contorna. Nestes casos, as trampas colocaránse nun radio de 100 a 150 metros dos devanditos niños velutinos. Se deixan de caer exemplares de velutina debemos resituar as trampas uns 150 metros para que volvan ser eficaces.

-As raíñas mantéñense de glícidos de plantas de especies asiáticas e froiteiras en flor: a aralia (árbore de Angélica); a camelia de flor simple vermella e con estames, a árbore de cepillo, o níspareira xaponesa, a hedra, o pradairo e outros froiteiras en flor (ameixas, maciñeiras…), así como nas árbores que poidan ter pole ou pulgón; por exemplo, o salgueiro.
Mesmo na contorna dos composteiros e nas cabanas onde se garda o material do apicultor.

-Por suposto, nun radio de 100 metros derredor das alvarizas ou apiarios. Durante a primavera non se deben colocar trampas contra a velutina no propio apiario.
De ser posible, dentro da trampa colocarase un exemplar dunha velutina, se é unha raíña, mellor, porque atraerá a máis velutinas polo efecto das feromonas e actuará como repelente para as abellas. Os restos dun niño primario de velutina tamén actúan coma un bó atraente e mesmo a auga de cocer a cera. Poñer algo para que non se afoguen no líquido xa que as raíñas vivas na trampa son o mellor atraente.

B –Trampas que se deben empregar. Construiremos e instalaremos trampas o máis selectivas posible para evitarmos que entren nelas outros insectos polinizadores fundamentais para a reproducción de plantas e cultivos. Para iso, aconséllase que na parte superior da botella que se empregue se realicen dous buratos enfrontados cun diámetro entre 8 e 9 mm. Iso axuda moito porque hai insectos como os abellóns, as bolboretas e as couzas (polillas) que non poderán entrar.
Xusto por baixo das entradas faríase a mesma operación cos buratos de saída, tamén enfrontados, que deberían ter un diámetro entre 4 e 5 mm e para os que se pode empregar unha broca para madeira que podemos mercar en calquera ferraxería ou un cravo de tamaño adecuado. As medidas idóneas serían 8 ou 9 mm para as entradas e de 4 a 5 mm para as saídas.
Nos buratos de entrada, como se amosa na fotografía, aconséllase colocar unha campaíña e, no interior da botella, unha cortiza ou calquera outro elemento flotante no líquido atraente. Preténdese que soamente as velutinas queden pechadas na trampa sen opcións de escape.

C – Atraente caseiro.- Hai gran diversidade de atraentes caseiros, semellantes en eficacia aos comerciais; entre eles o máis sinxelo é o elaborado co lévedo (levadura) fresco do pan.
Atraente para recebar 2 ou 3 trampas: 5 gramos de lévedo + 200 gramos de azucre + 0,5 litros de auga.

A duración do atraente dependerá da temperatura ambiental, ainda que normalmente coa temperatura primaveral se debe recambiar cada 12 ou 15 días.

Para calquera dúbida ou aclaración podedes contactar coa Asociación Galega de Apicultura (Delegación Ferrolterra) no teléfono: 661 378 960

Grupo de traballo AGA Ferrolterra

– DELEGACIÓN –
C./San Salvador, 41-2º -15404 Ferrol
Tlfnos.: 661 378 960
dagaferrol@hotmail.com
WEB´s: http://apiculturagalega.es

GUIA DE CAMPAÑA DE TRAMPEO en Pdf

 

Pódeche interesar...

Eventos

Samaín na Biblioteca

‘Unha biblioteca de medo’ é o nome que recibe a busca de pistas que se promoverá a vindeira semana en tres quendas distintas. Trátase dunha aproximación dos pequenos e

Eventos

Academia AresxSaúde

A Academia AresxSaúde coa coa seguinte relación de charlas.   8de NOVEMBRO, 19h. Antonio Rial Boubeta (Psicólogo): “Como promover un uso saudable, seguro e responsable