Dende hoxe, 11 de abril, ata o 19, os emprendedores, empresarios/as ou empregados do tecido hostaleiro de Ares poderán inscribirse nas formacións gratuítas a través da páxina web municipal.
Haberá espazo para aprender sobre a técnica de “arte latte”, a optimización dos menús ou nocións básicas relacionadas coa conservación e envasado da comida.
. Tras a presentación do conxunto de actividades que sustentan o selo Ares Ultramarino, as áreas de Comercio e Cultura do Concello informaron esta mañá do inicio do proceso de inscrición para unha das súas principais iniciativas: a Academia do Mar. A Academia pon a disposición de emprendedores, empresarios ou empregados do sector hostaleiro os tres cursos formativos que a compoñen, abertas as súas prazas dende hoxe, 11 de abril, ata o 19 deste mesmo mes.
A primeira das accións formativas, o curso de Barista, centrarase primordialmente en cafetarías e bares, ensinando a técnica da “arte latte”, cada vez máis asentada e de moda no tecido hostaleiro en xeral. A arte latte baséase na realización de debuxos e motivos decorativos no propio café para mellorar o seu atractivo, requirindo dun correcto emprego da leite para a súa preparación.
A segunda formación de escandallo e optimización de menús porá o foco na mellor forma de confeccionar pratos rendibles, aprendendo a extraer de cada un deles os seus custes derivados e os ingresos reais obtidos. Con eses datos, os negocios poderían variar e probar diferentes combinacións que redunden nunha mellora de toda a carta en termos económicos.
O último curso será de conservación de produtos e envases para o servizo de comida para levar (takeaway), reforzado coas rutinas impostas pola pandemia. Os hostaleiros achegaranse ás últimas novidades en materia de conservación, como o envasado ao baleiro, e ás esixencias dos tempos actuais, nos que se procura eliminar os envases de plástico e os non reutilizables no día a día dos negocios.
As formacións impártense a través de dúas figuras do sector con experiencia na docencia de hostalería. Alberto Pita, profesor de Hostalaría e Turismo da Xunta e asesor para a montaxe de locais de bar, cafetería e restaurante, dirixirá o primeiro curso e Miguel Silvarredonda, colaborador en departamentos de I+D en empresas alimentarias e docente de cociña, coordinará os dous últimos.
As tres actividades son totalmente gratuítas e levaranse a cabo respectivamente o 20 de abril –no bar O Parrocho– e 27 de abril e o 4 de maio –na Alianza Aresana– dende as 17.30 horas.
As persoas interesadas poden inscribirse vía telemática na páxina web municipal, no apartado dedicado á Academia do Mar, no número de teléfono 618 004 110 ou no correo electrónico