O Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro acolle a inauguración dun novo reloxo solar

Comparte esta nota de prensa

As concelleiras de Urbanismo, Olimpia Marcos, e de Turismo, Lucía Blanco, asistiron este sábado ó estreo do novo reloxo solar realizado por Lorenzo Capllonch, arquitecto técnico e licenciado en Dereito xubilado, no claustro do Mosteiro de Santa Catalina. No acto, organizado pola Asociación de Amigos do Mosteiro, achegáronse explicacións sobre o funcionamento desta tipoloxía de obxectos que indican a hora a través dunha liña de sombra xerada polo “gnomon”.

O gnomon é a peza triangular do reloxo que axuda a estudar o movemento aparente do sol grazas á sombra que proxecta sobre a superficie, desprazándose sobre as liñas horarias sinalizadas con números árabes. Porén, dende a Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina contextualizan o seu emprego: só en catro días do ano o reloxo solar chega a concordar totalmente coa hora civil –a do reloxo de pulseira–: o 15 de abril, o 15 de xuño, o 1 de setembro e o 24 de decembro.

Esta concordancia horaria explica en gran medida a data de inauguración e a exactitude amosada polo reloxo.

 

Pódeche interesar