Dende as orixes do remo ó traballo dos redeiros no porto, os nenos e nenas visitan a localidade para entender os vínculos coa cultura mariñeira a través do proxecto de cooperación “Ares e Valdoviño no Mar”.
Este proxecto inclúe intercambio de experiencias relacionadas co eido marítimo, executando preto de 15 iniciativas entre os dous municipios involucrados.
Esta mesma mañá arrancou unha das principais actividades de “Ares e Valdoviño no Mar”, un proxecto de cooperación promovido polos dous concellos e que poñen en relación o remo, o surf e a importancia da cultura e identidades mariñeiras de ambos espazos. Así, o mes de abril rematará con dúas visitas de nenos e nenas de 5º e 6º de primaria do CPI Atios de Valdoviño a Ares, unha delas realizada hoxe mesmo, 20 de abril, e outra a próxima semana, o mércores, 27, para achegarse a puntos clave da vila.
No itinerario planificado para as crianzas, a primeira parada realizouse na casa consistorial, coa recepción das concelleiras Noelia Montero, Lucía Blanco e Olimpia Marcos, para que o grupo coñecera directamente o funcionamento dun concello e os diferentes espazos que o integran. Gran parte da atención púxose precisamente na importancia do salón de plenos como o espazo no que debater, executar as propostas e desenvolver a actividade institucional.
A visita tamén transcurriu polo Club de Remo de Ares para contrastar o impacto do remo e do surf nas identidades dos dous municipios. Jose Montero, ‘Peli’, guiou ao grupo pola historia do remo, unha competición que nace do traballo e da pesca en barco, e os nenos e nenas puideron aumentar o coñecemento sobre o papel do club e desta práctica deportiva na comunidade aresá.
En realidade, todas as paradas desta primeira actividade fixeron fincapé nos vencellos culturais de Ares co mar; terminou afondándose nas tarefas dos redeiros e redeiras no porto e nas formas de operar que teñen os armadores.
En maio, será a comunidade educativa do CPI As Mirandas, a través da rapazada da ESO, a que se aproximará ó surf e á idiosincrasia marítima de Valdoviño, fomentando desta maneira os lazos entre ambos espazos que, malia as distincións culturais e sociais, conservan un importante patrimonio litoral e marítimo. O mar, neste caso, asúmese coma un elemento de conexión das súas realidades.
QUINCE ACTIVIDADES ENTRE VALDOVIÑO E ARES
Estas visitas planificadas para abril e maio entre escolares de ambos centros públicos compleméntase con outras propostas a desenvolver dentro do proxecto de cooperación, ascendendo a un total de 15 iniciativas. Haberá dende xornadas de iniciación ao remo en Ares e ao surf en Valdoviño ata creación de contidos didácticos, obradoiros de sensibilización ou rutas polo litoral.
Este conxunto de programacións de valorización da cultura mariñeira e transmisión dos deportes acuáticos vén financiada polos fondos FEMP, a través das axudas do GALP A Mariña-Ortegal e do GALP Golfo Ártabro Norte.