A mostra recolle grandes instantáneas que sintetizan o acontecido e sentido pola poboación galega, poñendo en valor o traballo dos profesionais da comunicación.
Inaugurarase o próximo xoves, 28 de abril, ás 19:30 horas na Casa da Xuventude, e estará dispoñible ata o 13 de maio.
A partir da colaboración entre a Concellaría de Cultura e o Club de Prensa de Ferrol, a 30ª edición de Galicia en Foco desembarcará na Casa da Xuventude de Ares dende o xoves, 28 de abril, data de inauguración oficial (19:30 horas) ata o 13 de maio.
A mostra achegará á veciñanza unha recompilación das principais fotografías publicadas na prensa galega para facer un percorrido polo vivido ao longo deste ano no territorio. Así, Galicia en Foco convértese nunha viaxe fotoxornalística a través do tempo, mais tamén nunha forma de difundir e revalorizar o traballo realizado nos medios de comunicación galegos.
A iniciativa desta exposición itinerante, que se poderá visitar nun horario de 10:00 a 14:30 horas, naceu xa en Ferrol en 1989 coma un primeiro movemento fotográfico a espallar en toda a Comunidade Autonómica. Xunto á inauguración de Galicia en Foco -e tamén con fonda tradición na contorna de Ferrolterra-, presentarase a revista “Ferrol Análisis” do propio Club de Prensa de Ferrol, xa preto das 20:00 horas.
O acto contará coa asistencia de Alma Barrón, concelleira de Cultura, Xulia Díaz, presidenta do Club de Prensa, e Esperanza Piñeiro, directora da revista