Hoxe tivemos ao segundo grupo dos escolares do CPI Atios de Valdoviño! Unha visita que se inscribe no proxecto compartido entre os dous municipios, “Ares e Valdoviño no Mar”, e que permite á rapazada coñecer elementos que identifican á nosa localidade: a importancia do mar e a pesca na identidade da vila, a práctica do remo ou o traballo dos redeiros.
As tres aulas de 5º de primaria foron recibidas na casa consistorial pola concelleira de Turismo, Lucía Blanco, e os técnicos de deportes e comunicación do concello, presentándolles Ares e explicándolles para que serve o salón de plenos. O seu itinerario transcurriu logo polo paseo marítimo, o Club de Remo e a área do Porto!
A maiores, o mes de maio arrincará, no marco deste proxecto de cooperación que vén financiado polos fondos FEMP, coas visitas do alumnado do CPI As Mirandas a Valdoviño, creando sinerxias entre os dous espazos, divulgando os seus patrimonios litorais e tamén as súas culturas marítimas.