18 autores e autoras participarán na I Edición do LiterAres, unha xornada para descubrir literatura de proximidade

Comparte esta nota de prensa

Esta nova iniciativa chegará a localidade aresá o próximo sábado, 22 de xuño, nos arredores da Alianza Aresana e contará coa presenza de escritores como Arantza Portabales, Antía Yáñez, Toni Seijas ou Andrea Maceiras, amais dunha ampla mostra de creadores da contorna.

Representantes do Concello e da Asociación Galega de Escritoras e Escritores (AGER) presentaron hoxe na casa consistorial a programación, que inclúe conversas, sinaturas, actuacións musicais de Xábrega, recital de poesía e mesmo un obradoiro de marcapáxinas.

A próxima fin de semana, Ares contará cunha boa mostra da mellor literatura de proximidade, mais tamén con autores e autoras de renome, xa consolidados dentro do sector editorial galego. Será no marco dun novo evento que recalará no municipio o próximo sábado, 22 de xuño, coa súa primeira edición, o LiterAres, e a través da colaboración entre o Concello e a Asociación Galega de Escritoras e Escritores (AGER).

Así, a concelleira de Cultura, Alma Barrón, e o delegado en AGER de Ferrol, Pablo J. Rañales, presentaron esta mesma mañá a programación no consistorio aresán, un acto que serviu para debullar todas as actividades que poderán desfrutar veciñanza e lectores da comarca.

“Neste LiterAres, quixemos homenaxear á literatura de proximidade, con autores da nosa zona e mesmo do municipio, mais tamén que puideramos achegarnos a outras disciplinas como o recital poético ou a música e incluso incorporar a memoria da emigración indiana”, salientou Barrón no acto.

Dende AGER, e como autor participante, Rañales fixo fincapé “na diversidade das actividades deste evento, con conversas sobre o misterio e o terror en Galicia, os procesos creativos detrás do arte ou mesmo sobre a necesidade de conectar coa mocidade a través da literatura”.

Ambos axentes expoñen que a Alianza Aresana, o epicentro de toda esta xornada literaria, recibirá a 18 autores e autoras en total nas diferentes iniciativas deste LiterAres en diferentes áreas do edificio, tanto interiores como exteriores, para “celebrar a cultura e gozar da literatura” dende o popular.

Unha programación variada con figuras como Arantza Portabales e Antía Yáñez

A xornada arrancará ás 11:00 horas no salón de actos da Alianza, cunha breve inauguración por parte das dúas entidades involucradas, e continuará xa coa primeira das charlas ás 11:15 h., Literatura e emigración: escribir dende a memoria, onde interveñen Nones Araújo, gañadora do Premio de Novela Curta do Concello de Ares ALÉN 2023, xunto con Alma Barrón, edila de Cultura, e coa moderación da editora de Hércules de Ediciones, Laura Rodríguez.

Ás 12:00 h., en formato exterior e con vermú incluído, o ilustrador e autor de banda deseñada aresán, Antonio Seijas, conversa co escritor Pablo J. Rañales sobre os seus procesos creativos, linguaxes artísticos e formas de inspirarse no Vermú artístico: crear e ollar dende Ares. A mañá rematará coas autoras Andrea Maceiras e Antía Yáñez, de 13:15 a 14:15 h., moderadas polo xestor cultural Iago Fandiño, na charla Literatura infantil e xuvenil: o reto de conectar coa mocidade.

O LiterAres retomará a súa actividade ás 17:00 h, cun obradoiro de marcapáxinas no cuarto de contos da Alianza Aresana para os máis pequenos e pequenas, e a sesión de micro aberto ás 18:00 h., onde poetas, narradores e os músicos da Asociación Cultural Xábrega encherán de música e poesía a partes iguais.

De 19:00 a 20:00 h., Juan Galán, Teresa Cameselle, María Nieto e Micaela Barbeito asinarán os seus exemplares coas librarías locais Nin Idea e Áncora e, como peche a todo o evento, Arantza Portabales e Natalia Monje afondarán nas particularidades do misterio e terror na literatura galega na conversa Unha Galicia de lenda ás 20:00 h.

Programación do LiterAres: 2024-I Edición do LiterAres

Pódeche interesar

Notas de prensa

Galicia sabe a Mar en Ares

Veciñanza e visitantes puideron degustar ao longo da xornada de onte algúns dos sabores únicos que conforman o patrimonio gastronómico galego. A foodtrack da campaña