PALCO, CASA PEREGRINA (Real, 27) E CASA FINA CANCELA (Anxos, 34)

Praza do Concello Vello

Na Praza do Concello Vello, centro da vida social aresana durante a época modernista, aínda é posíbel admirar diversos exemplos da arquitectura indiana, como a Casa de Fina Cancela, situada na extrema da Rúa dos Anxos, dotada de alta galería de remate, que daba galanura a un conxunto formado polo predio de tres andares e un xardín xa perdido de exuberante composición. A Casa de Dona Peregrina, no número 27 da Rúa Real, erguida polo seu irmán, outro emigrante en Cuba, mantén aínda o esplendor modernista nas molduras de balcóns e linteis.

O palco, de data máis tardía, foi levantado tamén coas ganancias da emigración e foi durante décadas lugar de encontro e solaz das crianzas aresanas. Tiveron tamén sede nesta praza, xunto do vello Concello, o Club Democrático e Liberal, a Escola do Gremio do Mar e o Casino, o que dá testemuña da importancia deste espazo urbano no Ares da primeira metade do século XX.

Pero para saber máis terás que escoitar a audioguía que podes atopar aquí:

 

Un de Santiago, unha de Mugardos, e un de Lugo, pasean por Ares. Que nos poderán contar eles que nós non saibamos?