ALFOMBRAS FLORAIS DE ARES

A volta das alfombras florais nas xornadas do 18 e 19 de xuño tras dous anos de paralización polo impacto e as esixencias sanitarias da pandemia. A festa, declarada dende 2011 de Interese Turístico de Galicia, volverá a encher o espazo público de espadana, flor e arte efémero, mais tamén exemplificará o compromiso colectivo da veciñanza cunha celebración de máis de 40 anos de tradición.

Con todo, a edición deste ano chegará nun formato máis reducido do habitual, segundo o propio comunicado que emitiu a Asociación de Alfombras Florais aresán, en gran parte pola “ausencia de persoas dabondo para executar o enorme traballo que supón” a celebración do evento, moitas delas afectadas física ou psicoloxicamente polas consecuencias derivadas da pandemia. Fronte a este decrecemento no número de persoas involucradas, a Asociación uniu forzas e realizará unha única alfombra entre os 6 tramos que a compoñen, cubrindo cun tapiz floral toda a superficie dende a Alianza Aresana ata o paseo marítimo.

“O amor polas nosas tradicións, polo noso Corpus; o amor pola nosa vila, por este Ares que sabe tanto de unión e solidariedade, fai que queiramos continuar aínda que teñamos que facelo nunha edición reducida”, expuxo a Asociación, que prevé poder recuperar un formato habitual no 2023, xa con máis folgos e máis mans colaboradoras.

Fecha

Jun 19 2022
¡Caducado!

Hora

Todo el día